Ortigueira é Música!
Así o ven demostrando a Escola de Música Concello de Ortigueira (EMCO) neste confinamento, con novas propostas semanais para toda a cidadanía.
A Escola Municipal cumprirá no mes de outubro vinte anos de vida. Un longo tempo no que esta institución leva formando a centos de músicos con diferentes inquedanzas musicais e nutrindo de novos valores ás asociacións culturais do noso municipio.
“Happy” de Pharrell Williams interpretada polo alumnado e mestres da EMCO, representa unha canción de felicidade porque Ortigueira é unha terra máxica. Nós non vivimos nun “distanciamento social” (relacionámonos a través da música) senón nun “distanciamento físico” (que non nos impide tocar xuntos).
Para a produción deste vídeo participaron corenta músicos (entre alumnado e mestres). Cada un gravou dende a súa casa a súa parte instrumental e despois procedeuse a unha montaxe en conxunto deste emotivo vídeo.
A estrea de HAPPY (versión COVID-19) será este venres 15 de maio ás 22h. pola Canle de Youtube da Escola de Música de Ortigueira.
Todos os espectadores verán á vez a estrea do vídeo e poderán chatear entre si a tempo real mentres o visualizan. Unha mostra máis de que na EMCO hai “distanciamento físico”, pero non social porque a música une ás persoas!