«Música en Familia» é o título dunha nova proposta innovadora da EMCO. Un ciclo de máis de 60 miniconcertos nos que os participantes compartirán música cos seus familiares e amigos, actuando ademáis en conxunto: avós con netos, nais con fillas, irmáns ou incluso tres xeracións de músicos orteganos.
Os concertos son públicos, con invitación (cada familia disporá dun número de entradas) ata completar aforo.
Retransmitiranse online para aqueles familiares que pola distancia non poidan acudir ó concerto en vivo, chegando este concerto familiar a países como Australia, Estados Unidos, Reino Unido ou diferentes rexións españolas.
Os horarios dos concertos pódense consultar no Taboleiro de Anuncios da Escola de Música Concello de Ortigueira.
Con esta actividade, pretendemos avanzar na desescalada e na nova normalidade a través de concertos en pequeno formato a nivel de número de asistentes, pero de gran calado humano, social e familiar ó volver a unir a través da música a diferentes xeracións e familias.