Ortigueira Música

Capítulo IV – Uso das Instalacións

Artigo 26. Consideracións xerais sobre o uso das instalacións

A Escola Municipal de Música do Concello de Ortigueira é un espazo que está a disposición da comunidade educativa e é esixencia de todos os seus membros a conservación e coidado das instalacións e do material. Por tanto,é desexable concienciar ao alumnado de usar convenientemente todo o material, tanto sexa de aula como calquera outro que se utilice na actividade docente do centro.

En consecuencia os seus membros están obrigados a velar e esixir o cumprimento das normas previstas nos artigos sucesivos.

Artigo 27. Acceso e saída do centro

Os pais/nais/titores do alumnado menor de idade responsabilizaranse de levar e recoller aos alumnos no centro. Para ese efecto deberán acompañalos ata a entrada do hall do centro. Os pais/nais/titores permanecerán á espera de que os alumnos saian de clase, nos espazos comúns das instalacións e non interromperán ningunha clase, a non ser que o profesor lles citara.

Artigo 28. Prohibición de fumar

Queda prohibido fumar en todo no recinto.

Artigo 29. Limpeza e hixiene

Por razóns de hixiene e limpeza está prohibido tirar papeis e desperdicios ao chan en calquera sitio da escola. En xeral hase de velar por que o alumnado adquira hábitos de limpeza. Todos os mestres deben procurar que o seu alumnado recolla os papeis do chan e os deposite nas papeleiras habilitadas para o efecto na aula.

Evitarase que o alumnado pinte ou ensucie os pupitres e intentarase que a aula quede recollida ao finalizar a clase. Porase especial coidado en manter limpos os servizos hixiénicos. Deberanse manter en bo estado as pezas e accesorios. Compre un correcto uso dos servizos, habilitados e marcados: homes, mulleres, persoas con mobilidade reducida.

Artigo 30. Comportamento nos espazos comúns

A organización dos estudos nunha escola de música supón cambios de clase continuos ao longo da xornada escolar. Por todo isto, manterase o silencio nestes cambios para non perturbar o resto de clases. A estancia do alumnado nos espazos comúns farase no maior silencio, estando prohibido en todo momento correr e gritar nas instalacións.

Os alumnos de Música e Movemento, Coro Infantil, Banda e doutras materias que se indiquen permanecerán no hall da entrada do centro, ata que o profesor correspondente acuda a recollelos. Estes alumnos entrarán e sairán da aula sempre acompañados polo seu profesor.

Artigo 31. Utilización de espazos cedidos a terceiros

Poderán facer uso do espazo (aula, sala de ensaios) da EMCO as asociacións con autorización da Alcaldía, contando co informe favorable do/da director/a do centro (EMCO).

No caso de ser necesaria a utilización municipal dun espazo cedido, a Alcaldía poderá revocar a autorización outorgada sen que proceda compensación algunha por tal concepto.

O espazo cedido soamente poderá ser utilizado para os fins autorizados (ensaios, reunións da asociación,…). Non poderá autorizarse a utilización dos espazos da Escola para a impartición de clases privadas.

A/s sala/s de ensaio son un espazo docente e o seu destino prioritario, durante o período lectivo, é contribuír ao desenvolvemento do proceso de ensino- aprendizaxe .

A dirección do centro será a encargada de coordinar a utilización deste espazo, establecendo en cada caso o horario de utilización, así como quen en cada caso poida facer uso dela.

Viceversa, as actividades realizadas pola asociación beneficiaria fóra das planificadas deberán comunicarse coa sufi- ciente antelación á EMCO para harmonizar o seu funcionamento coa mesma.

Todos os membros da comunidade educativa e asociativa que utilicen estas salas/aulas serán responsables da súa conservación, manténdoo en bo estado, e están obrigados a reparar os posibles danos cando se demostre que actuaron con neglixencia.

Dentro desta utilización débese ter en consideración a época de audicións, as cales terán unhas normas específicas, e que deberán ser comunicadas coa suficiente antelación á entidade que goza da cesión do espazo.

Correspóndenlle ó ultimo usuario que use o centro fora do horario lectivo as seguintes funcións: baixar as persianas, apagar as luces e a calefacción das instalacións cedidas, activar a alarma e asegurarse de que as portan de acceso do centro quedan debidamente pechadas.

Artigo 32. Depósito de instrumentos no centro

No caso de que algún alumno/a teña a necesidade de deixar o instrumento nas instalacións do centro, deberá solicitalo nos servizos administrativos do mesmo, indicándoselle o lugar onde se pode facer e quedando baixo a responsabilidade do propio alumno/a ou familiares. En ningún caso estará supervisado ou vixiado polo persoal do centro.

Artigo 33. Hall da entrada

Utilizarase como sala de espera para pais/nais/titores mentres esperan a saída dos alumnos, e para os alumnos mentres esperan a súa hora de clase. Manterase o máximo silencio posible.

Artigo 34. Uso das aulas de estudo

34.1 Dispoñibilidade e condicións de uso das Aulas de estudo

A utilización das aulas de estudo está reservada en exclusiva ao alumnado matriculado na Escola de Música. Non obstante, o/aDirector/a poderá autorizar o seu uso a persoas externas ao centro previa solicitude por escrito segundo o formulario disposto ao efecto en Secretaría, e sen que supoña detrimento do uso por parte do alumnado do centro.

As aulas de estudo estarán dispoñibles en periodo lectivo, cun horario estipulado para o seu uso. A aula poderá ser utilizada durante o máximo dunha hora continua. A ampliación do tempo está condicionada a que non exista demanda desa aula por parte doutro usuario. Ao finalizar o período de uso, o alumno/a deberá poñerse en contacto co persoal de secretaría para confirmar se é posible ou non continuar utilizando a aula que acaba de ocupar. O alumnado de percusión terá preferencia para estudar na Aula de Percusión, segundo o horario específico para aula de estudo.

Salvo que exista causa debidamente xustificada e libremente apreciada polo órgano responsable, quen solicite unha aula de estudo e non faga uso dela terá a penalización que se prevé nestas normas.

34.2 Control do uso das aulas de estudo

O control de entradas e saídas das aulas de estudo está encomendado ao persoal de secretaría, quen será o respon- sable da entrega e recollida das correspondentes chaves. Os alumnos están obrigados a seguir as indicacións do devandito persoal.

É responsabilidade de cada usuario controlar o tempo de uso dunha aula. O persoal de secretaría non está obrigado a avisar do final de cada período de uso.

No momento da entrega da chave dunha aula, o persoal de secretaría anotará o nome e apelidos do/a alumno/a (ou alumnos/as no caso de uso colectivo para ensaios de distintas agrupacións camerísticas), así como a hora de entrada na aula na correspondente folla de rexistro. Non está autorizada a presenza de alumnos/as na aula que non se rexistraran previamente en secretaría.

Cada alumno é responsable de devolver persoalmente en Secretaría a chave que lle foi entregada.

Queda prohibido o intercambio de chaves e aulas entre alumnos. Calquera intercambio que poidan acordar os alumnos deberá realizarse a través do persoal de secretaría. En todo caso, os intercambios non poderán levar consigo a ampliación do tempo concedido a cada alumno nas aulas inicialmente asignadas.

Queda totalmente prohibido bloquear por dentro o acceso á aula.

34.3. Obrigas dos usuarios das aulas de estudo

No caso de mal uso das aulas de estudo, os alumnos/as están obrigados a respectar as presentes normas. De modo particular, deberán:

Seguir as indicacións do persoal de Secretaría.

Recoller e devolver persoalmente as chaves das aulas.

Coidar da boa orde e limpeza das aulas e utilizar axeitadamente instrumentos e mobiliario.

Non usar equipos de son, micrófonos ou material que non é de estudo sen previa autorización.

Comunicar ao persoal de secretaría as deficiencias ou danos que poidan observar nas aulas, os instrumentos ou o

mobiliario.

Artigo 35. Penalizacións

O director do centro instruirá o pertinente expediente a efectos de acreditar os feitos que se imputen ao presunto infractor e será o Alcalde quen resolva a sanción a impoñer.

Artigo 36. Biblioteca

A Biblioteca é un lugar de estudo (non instrumental) da EMCO.

Ó comezo de curso establecerase un horario que facilitará o acceso do alumnado, sexa en horario lectivo ou non.

O alumnado e profesorado respectarán en todo momento as normas de funcionamento establecidas polo equipo directivo.

Non se permite retirar ningún material sen o preceptivo rexistro informático.

Os libros que se retiren para a biblioteca de aula deben quedar debidamente rexistrados.

O material de biblioteca quedará rexistrado en soporte informático, así coma os préstamos que se fagan ós/ás alumnos/as.

É deber da comunidade educativa respectar as normas seguintes:

Existen dous tipos de libros: consulta e lectura. Algúns documentos (enciclopedias, dicionarios, atlas, libros de texto, xornais , etc.) son libros de consulta que non se poden prestar. Son, polo tanto, para uso exclusivo na propia Biblioteca.

O servizo de préstamo farano as persoas autorizadas dentro dos horarios destinados a tal fin segundo consta no horario xeral da Biblioteca.

O usuario só pode ter prestados 3 documentos por prazo máximo de 15 días, e so se poderá prorrogar, como excepción, se o libro non ten demanda.

Os libros serán devoltos en perfecto estado, dentro dos prazos sinalados.

O extravío ou deterioro de documentos obriga á súa reposición ou ao seu abono en metálico.

O incumprimento destas normas leva consigo a instrución dun expediente disciplinario por parte do director do centro para acreditar os feitos e será o Alcalde quen determine a sanción a impoñer.

Artigo 37. ARQUIVO

É o lugar destinado para o arquivo de todo o material bibliográfico, cartográfico, de audio e vídeo, así como de material instrumental usado pola EMCO.

Este espazo pode ser compartido con arquivos musicais depositados por asociacións e colectivos.

Artigo 38. UTILIZACIÓN DOS TABOLEIROS DE ANUNCIOS

Na Escola de Música (EMCO) hai dous taboleiros. O taboleiro da planta baixa é o taboleiro oficial de anuncios con información relativa á escola. O taboleiro da planta alta está destinado a ofrecer información xeral sobre actividades culturais, cursos de formación,…

Por parte da escola, corresponde ó/á director/a garantir o uso adecuado dos taboleiros da escola co fin de evitar que sirva de soporte a condutas inxuriosas ou ofensivas para a comunidade educativa.

En ningún caso permitirase a colocación de carteis, notas ou comunicados por parte de persoas externas ao funcionamento da escola. Tampouco está permitida a súa colocación fora do ámbito dos taboleiros; en caso de colocarse procederase á retirada inmediata e advertencia á entidade ou persoa asinante. Só se permitirá se o autoriza o/a director/a do centro.

Artigo 39. SINALIZACIÓN DE SEGURIDADE

Resulta imprescindible velar polo mantemento dos extintores e da sinalización de seguridade en perfectas condicións de efectividade. Para ese efecto rógase a todos que se trate de inculcar o respecto dos aparellos , necesarios en caso de accidente.

A saída de emerxencia só se usará en caso de emerxencia, seguindo o protocolo de evacuación que dite o Concello de Ortigueira.

Artigo 40. APARCADOIROS

No recinto escolar, deberase aparcar nos espazos delimitados para tal efecto. No soportal so está permitido aparcar a persoal autorizado da EMCO así como a persoas con mobilidade reducida.

Queda prohibido aparcar diante da porta de acceso á Escola así como diante da saída de emerxencia.

Artigo 41. FOTOCOPIADORAS

Soamente poderán usar a fotocopiadora o persoal laboral da Escola de Música (EMCO)

As fotocopias solicitadas polos profesores para ser utilizadas en clase como recurso didácticos serán gratuítas. É recomendable por parte do profesorado a planificación do traballo de clase para evitar colapsos no uso da fotocopiadora.

As fotocopias teranse que pedir con antelación suficiente cando se trate dun número elevado. Debemos comprender que é necesario un uso racional deste recurso para que se poida garantir o servizo e atender as necesidades de todos sen que se perturbe o bo funcionamento da secretaría e a xestión do centro.

Artigo 42. COMUNICACIÓN DE DANOS

Os danos producidos serán comunicados polos usuarios canto antes á secretaría para a súa reparación.

O xenio comeza cunha nota. Ti traes a paixón.
Xuntos, construímos o teu porvir!

PROFESORADO

Coñece o equipo que forma a Escola de Música Municipal de Ortigueira

AULA VIRTUAL

Accede á sección privada para o alumnado da Aula Online da ESMU Ortigueira.

PLAN DE ESTUDOS

A ESMU Ortigueira conta cun plan moderno, actualizado no que prima a música en conxunto e uns horarios flexibles para os usuarios.

CONTACTA

Se necesitas contactar con nós ou ver a ubicación da nosa escola, fai clic neste cadro.

Abrir chat
Necesitas axuda?
Ola!
En que podemos axudarche?