Ortigueira Música

A ESMU Municipal de Ortigueira inaugura o Curso do seu 25º aniversario

A Escola de Música Municipal de Ortigueira inaugura o Curso 2024-25 celebrando o seu 25º aniversario

A Escola de Música Municipal de Ortigueira (ESMU) dá comezo ao seu curso 2024-25, un período especialmente significativo ao cumprir 25 anos desde a súa fundación. Para conmemorar este aniversario, ao longo deste ciclo académico organizaranse diversas actividades conmemorativas, concertos e a implementación dun novo modelo educativo. Esta nova aposta ten como obxectivo principal achegar a música a toda a cidadanía, levando a ESMU de Ortigueira a todas as parroquias mediante obradoiros nos centros sociais e audicións nas parroquias. Toda a información sobre estas actividades será anunciada puntualmente.

Actividades destacadas de setembro:

Debido ao incremento dun 78,48% nas solicitudes de inscrición para os cursos e actividades da escola, o centro volve abrir unhas Xornadas de Portas Abertas. Estas terán lugar o xoves 19 e venres 20 de setembro, entre as 16:00 e as 19:00 horas, nas instalacións da escola de música. Durante estas xornadas, os asistentes poderán coñecer o director e parte do profesorado, probar instrumentos e resolver calquera dúbida sobre o curso escolar.

O martes 24 de setembro, celebrarase a presentación do novo obradoiro de  “Música e Movemento” de 16h a 16:30 horas.

Posteriormente, terá lugar a elección de horario para as diferentes especialidades:

Vento-Metal ás 18:30h

Percusión ás 19h

Piano ás 19:30h

O mércores 25 de setembro comezarán as clases nas materias teóricas para todo o alumnado, así como nas especialidades de Piano, Percusión e Vento-Metal. As datas de inicio das clases nas restantes especialidades instrumentais (guitarra, vento madeira, canto, gaita…) anunciaranse ó seu debido tempo.

Para culminar este trimestre, as agrupacións da Escola —a Banda, o Coro e o Combo— ofrecerán un concerto o 20 de decembro na Igrexa Parroquial de Santa Marta. Este evento, titulado “A Divina Comedia”, estará inspirado na obra homónima de Dante.

Para máis información, poden visitar a web oficial da escola en ortigueiramusica.com, ou contactar a través dos teléfonos de contacto (móbil e fixo) ou do correo electrónico.

Unha excelente oportunidade para coñecer de preto ou resolver dúbedas é acudir ás xornadas de portas abertas.

Comparte

Facebook
WhatsApp
Telegram
X
Abrir chat
Necesitas axuda?
Ola!
En que podemos axudarche?