Ortigueira Música

Festival 25 Aniversario da ESMU de Ortigueira

25º Aniversario da Escola de Música Municipal de Ortigueira
Venres 27 de xuño, 19:00 h – Teatro da Beneficencia | Entrada de balde ata completar aforo

A Escola de Música Municipal de Ortigueira celebra neste 2025 o seu 25º aniversario, consolidándose como un proxecto educativo, artístico e social de referencia na comarca do Ortegal.

Desde a súa creación no ano 2000, a escola desenvolve un labor esencial para fomentar a afección musical entre a infancia e consolidala entre a poboación adulta, cun enfoque pedagóxico actualizado e adaptado ás necesidades de cada etapa. A formación musical comeza desde os 3 anos, e inclúe tanto ensinanza oficial como programas específicos para persoas adultas, cunha clara vocación de formación integral e inclusiva.

O impacto da Escola vai máis alá das aulas: proxectos como “Música para a Vida”, concertos polas parroquias, e o impulso de agrupacións como a Banda Xuvenil, os Coros, o Grupo Celta, de Rock, de Cámara ou Tradicional, amosan o seu carácter dinamizador e comunitario. Ademais, o profesorado desenvolveu materiais didácticos que hoxe son un referente en España e Latinoamérica.

A Escola tamén foi sede de congresos, concursos de composición e de novos intérpretes, e mesmo acolleu como sede á Banda Sinfónica de Galicia. Os vídeos dos nenos e nenas de Música e Movemento en Nadal chegaron a viralizarse, sumando a ESMU máis de 200.000 reproducións na súa canle de YouTube.

A oferta educativa abrangue áreas como Música e Movemento, Linguaxe Musical, Conxuntos instrumentais e vocais, Dirección, Harmonía, Análise e Historia da Música. Este curso 2024-2025 introducíronse tamén obradoiros de música tradicional en Senra e Loiba, ampliando o acceso á formación nas parroquias.

🎶 CONCERTO 25 ANIVERSARIO

venres 27 de xuño, ás 19:00 h no Teatro da Beneficencia, terá lugar o concerto conmemorativo do 25º aniversario, que xirará arredor da historia viva da Escola. Participará o alumnado actual, os grupos dos obradoiros, as agrupacións instrumentais e vocais, así como os conxuntos de música tradicional, percusión, guitarra, combo moderno e música e movemento.

Un concerto participativo, sorprendente e emotivo, pensado para toda a comunidade.

A entrada é de balde ata completar aforo. 

Comparte

Facebook
WhatsApp
Telegram
X