Este proxecto forma parte do Plan Estratéxico para a recuperación e a divulgación da música de Ortigueira. As liñas de traballo comprendidas dentro deste Plan Estratéxico teñen que ver coa organización de eventos musicais e culturais en torno á música e o desenvolvemento de proxectos de edición e de posta en valor patrimonial da música en Ortigueira.
Todas as liñas de actuación son participativas.
As modalidades de traballo serán de dous tipos: eventos e proxectos organizados pola ESMU Ortigueira coa colaboración das demais entidades públicas ou privadas, ou eventos e proxectos organizados polas entidades públicas e privadas coa colaboración da ESMU.
A nosa misión é a de recuperar, preservar e salvagardar o patrimonio musical do municipio. Somos conscientes do coidado necesario na forma de recoller as testemuñas e documentos persoais dos nosos protagonistas e colaboradores neste proxecto. Do pasado máis lonxano ou máis próximo deben quedar imaxes, documentos, versións e testemuñas que constituirán un acervo de fontes á disposición da comunidade estudantil, dos expertos musicólogos e, por suposto, dos propios protagonistas.
O material que se recolla servirá para a investigación e difusión NON COMERCIAL, polo que non se verán infrinxidos nin os dereitos do autor, nin do propietario das imaxes e documentos que sexan cedidos ao Arquivo documental da Escola de Música Municipal de Ortigueira.
Principais elementos a recuperar:
IMAXES:
De todas as agrupacións musicais que existiron no municipio.
Elementos etnográficos e de tradición ortegana.
De personaxes (directores e compositores) do municipio.
Imaxes de festas orteganas.
PARTITURAS:
Adicadas ó municipio.
Escritas por compositores orteganos.
Música que soaba nas festas do municipio.
ARTIGOS DE PRENSA:
Todos os que conteñan información sobre actuacións musicais, historia ou novas dos grupos, as cales nos servirán como importantes fontes para realizar un estudo musicolóxico sobre a música ortegana.
DOCUMENTOS:
Carnets de músico.
Grabacións.
Cartas, saúdas e felicitacións.
Actas de concursos.
TRAXES ANTIGOS:
Traxes en desuso, que se depositarán no arquivo musical e patrimonial da Escola de Música de Ortigueira.
INSTRUMENTOS MUSICAIS:
Instrumentos en desuso, cun certo valor histórico, que se depositarán no arquivo musical e patrimonial da Escola de Música de Ortigueira.
Como colaborar con nós:
As túas fotos, partituras, documentos, traxes antigos, instrumentos… son de moita axuda para construír a memoria colectiva da música no municipio.
A Escola de Música realizará a dixitalización dos documentos e fotografías, e procederá á correspondente devolución ao seu propietario xunto cunha copia dixital de cortesía, ben en CD, pendrive USB ou envío por email.
Entrega presencial nas instalacións da Escola: tras recibir a túa visita, procederemos a realizar a dixitalización das túas fotografías ou documentos no momento, así como se queres doar algún instrumento ou traxe antigo, recollerémolo a modo de doazón ou depósito.
Entrega dos documentos por correo postal: unha vez recibidos os orixinais, procederase á súa dixitalización e devolución pola mesma vía con copia en CD ou pendrive USB ao propietario.
On line: aquelas persoas que desexen ceder unha fotografía, documento, audio ou video poderán enviar unha copia electrónica por
Email ao seguinte enderezo: esmu.ortigueira@gmail.com
Solicitude de recollida por parte do doante: en caso de que o doante non conte con medios para facernos chegar a documentación coa que desexa contribuír, pode contactar con nós a través do correo electrónico, ou chamando a:
Escola de Música do Concello de Ortigueira
r) Márquez Cortiñas s/n
15330 Ortigueira
Tel. 981 40 24 32
escolademusica@concellodeortigueira.com